A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pon en marcha o programa #UpdatePeme, cun enfoque sectorial, orientado a promover a transformación dixital das pemes dando a coñecer as solucións tecnolóxicas que se están aplicando con éxito en pemes galegas. O programa, integrado nas actividades do Centro Demostrador TIC da Amtega, abranguerá varias sesións dirixidas a colectivos empresariais específicos, nas que diversas empresas exporán a súa experiencia particular no uso dun produto ou servizo TIC de utilidade para o colectivo.
O programa #UpdatePeme abordará, en sesións afterworks –a partir das 19h e en torno a unha hora de duración-, tecnoloxías que poidan ser útiles de forma inmediata, desde un punto de vista moi práctico e con casos reais de aplicación en empresas. Ademais, os relatores deixarán fíos, cuestións de interese, para que os participantes poidan tirar e, desta forma, espertar o interese das empresas asistentes e que sexan estas as que decidan afondar ou pedir máis información do produto ou servizo exposto.
As sesións complementaranse con gravacións de cada unha das intervencións e artigos divulgativos sobre a aplicación das tecnoloxías amosadas, que poderán ser consultados polas empresas na web do Centro Demostrador (http://cdtic.xunta.gal).
Turismo, primeiro sector en #UpdatePeme
O programa comezará o vindeiro 23 de febreiro coa sesión “#Updatepeme_Turismo: Como a dixitalización pode axudar ás empresas turísticas”. Nesta primeira sesión, na que colabora o Clúster Turismo de Galicia, o experto en turismo e TIC, Enrique Lancis, introducirá o visión xeral da tecnoloxía existente no mercado para a comercialización turística.
A continuación abordarase a tecnoloxía aplicada por diversas empresas do sector. A modo de faladoiro aberto, compartirán a súa experiencia práctica no uso de ferramentas TIC como consolidadores, seguimento de prezos, social media, comercio electrónico, CMS e como a aplicación das mesmas cambiaron o seu día a día.
Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.gal/updatepeme-turismo). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. O Centro actúa como punto punto de encontro entre a oferta do sector TIC e a demanda do resto dos sectores empresariais galegos.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, a través de Red.es, cofinanciada con fondos FEDER.
(Fonte: Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia)